A PEROXA CF - CENTED ACADEMY "B" (7-0)



O sábado 7 de xuño, no Campo de O Marco (A Peroxa), disputouse o encontro correspondente á decimooitava e última xornada da 2ª fase do Grupo A2 da categoría Cadete 2ª Futgal, entre os equipos de A Peroxa CF e Cented Academy “B”, cun resultado final de 7-0 favorable ao conxunto local. Nunha tarde de calor intenso e sol radiante, cunha boa presenza de público nas bancadas, pechouse unha tempada longa, con moitas vivencias e aprendizaxes que van máis alá do resultado final.

O partido estivo claramente dominado polo equipo local, que impuxo desde o primeiro minuto unha maior intensidade física e un xogo con máis orde e claridade. A Peroxa CF levou a iniciativa en todo momento, gañando practicamente todos os duelos individuais e atopando con facilidade espazos para xerar ocasións. No minuto 7, Lucas García Rodríguez abriu o marcador para os locais, poñendo o 1-0 e marcando o camiño do partido. No minuto 28, Xurxo Vila González ampliou a vantaxe, e pouco antes do descanso, no 37’, repetiu para poñer o 3-0. Xa na segunda metade, o guión mantívose igual: Gael Gómez Pernas fixo o cuarto no 48’, seguido de Hugo Amorín Lopes no 55’ cun potente disparo. Gael volvería marcar no 66’ e, finalmente, Saúl López Nespereira pechou a conta co 7-0 definitivo no minuto 77. Pola súa parte, o Cented realizou dúas substitucións: Roi Iglesias Martín entrou por Manuel Álvarez Iglesias no 41’, e Miguel Ángel González Salgado substituíu a Hugo Martínez Blanco no 61’.

Este resultado puxo o punto final a unha tempada con moitos matices, unha tempada de cambios e de altibaixos, na que conviviron momentos de bo xogo e ilusión con outros de dificultade e aprendizaxe. Houbo partidos nos que o equipo amosou unha gran versión, competindo con valentía e criterio, e outros nos que os resultados non acompañaron. Pero, por riba de todo, queda unha mensaxe clara: tanto nos días bos como nos máis duros, sempre se pode sacar algo en limpo, sempre se pode aprender, e ese é o verdadeiro valor deste deporte. Aprender dos erros, reforzar os acertos, medrar como equipo e como persoas. E iso é o que debemos celebrar e recoñecer.

Queremos dar as grazas de corazón a todos os xogadores polo seu esforzo, pola súa actitude e polas ganas de superarse día a día. Ao equipo técnico, pola súa dedicación, polo traballo paciente e continuo durante toda a tempada, formando deportistas e, sobre todo, formando persoas. Á directiva, por facer posible que este proxecto funcione e medre, facilitando os medios e a estrutura para que todo isto sexa unha realidade.

Non podemos esquecer tampouco a todos os pais, nais e familiares que acompañaron ao equipo durante todo o curso: en cada adestramento, en cada desprazamento, en cada partido, estivestes aí, animando, apoiando e facendo piña desde fóra do campo. Grazas polos bos momentos compartidos, polos ánimos nas derrotas e polas celebracións nas vitorias. Sen vós, nada disto sería posible.

Felicitamos aos campións da categoría, así como a todos os equipos cos que competimos, aos rapaces e rapazas que xogaron contra o Cented, demostrando compromiso, respecto e deportividade. Porque isto vai moito máis alá dun marcador: trata de compartir, de convivir, de aprender xuntos. Todo suma, cada partido suma, cada experiencia suma.

Desexamos que o próximo ano sigamos crecendo, mellorando e desfrutando. E, por suposto, se pode ser, tamén gañando algún partido máis. Pero por riba de todo, que sigamos aprendendo e educándonos a través do deporte.

Grazas a todos por esta tempada. Forza Cented!

Goleadores do partido
  • 1-0 Lucas Garcia Rodriguez (7')
  • 2-0 Xurxo Vila Gonzalez (28')
  • 3-0 Xurxo Vila Gonzalez (37')
  • 4-0 Gael Gómez Pernas (48')
  • 5-0 Hugo Amorin Lopes (55')
  • 6-0 Gael Gómez Pernas (66')
  • 7-0 Saul López Nespereira (77')
Aliñación titular do Cented Academy ‘B’
  • 2 Iago González Gómez
  • 3 Alejandro Martínez Mosquera
  • 4 Pablo Bernardez Leites 
  • 5 Manuel Rodríguez Bermejo (C)
  • 7 Lucas Quintas García
  • 8 Álvaro Martínez Vázquez
  • 13 Manuel Alvarez Iglesias (PT)
  • 15 Alejando Rodriguez Chulia 
  • 16 Raúl Vázquez Peña 
  • 22 Hugo Martínez Blanco 
  • 75 Ruben Babarro Fernandez
Substitucións 
  • Roi Iglesias Martin por Manuel Alvarez Iglesis (41')
  • Miguel Angel González Salgado por Hugo Martinez Blanco (61')














































































Comentarios

Entradas populares